NOVA LECTURA DO GRUPO DE BACHARELATO
Invisibles. Relatos do maltrato, de Montse Fajardo
INFORMACIÓN TIRADA DO CADERNO DA CRÍTICA, DE RAMÓN NICOLÁS
Montse Fajardo sorprendeu con Matriarcas, seguiu a facelo con Un cesto de mazás e continúa neste ronsel con Invisibles. Relatos do maltrato, volume que ao tempo estrea un novo selo editorial.
Hai libros que un le cun nó na gorxa porque, aos poucos, vai configurándose un abismo que non é ficción, que é realidade tanxible aínda que tantas veces se invisibiliza. Ningún título máis acaído, polo tanto, para nesta proposta na que a autora decide, practicamente, retirarse a un segundo plano, allea a protagonismos, nin sequera o que lle correspondería ao facer uso dunha posible e lícita voz narrativa. Aquí non hai opinións, non se conduce á lectora ou lector por camiños previamente deseñados: son as mulleres obxecto de maltrato as que contan as súas propias experiencias. A autora deixa testemuño, ordena as secuencias e segméntaas -algo que se agradece pois son moitas as ocasións nas que se precisa deterse, alentar e reflexionar- e deseña con acerto eses monólogos -na realidade diálogos- que se mergullan na dimensión máis emocional e fonda da vida de cada unha delas. O fío narrativo, así pois, protagonízano sete voces de mulleres maltratadas que devorcan aquí un material sensible, isto é, as súas experiencias esgazadoras, ben porque é a autora quen reconstrúe algúns casos ben porque se lles dá a voz cun recurso semellante ao empregado polo xuíz d´A esmorga: nunca se xulga e as conclusións sacámolas nós. Todo iso fai que este sexa un libro duro, abofé, e non podía ser doutra maneira porque se deseña un universo estarrecedor, cheo de dor, violencia e morte en tantas ocasións.
Invisibles, así pois, incorpora sete relatos en tantos casos de resistencia heroica e acompáñase ademais, alén de senllos limiares a cargo de Carme Fouces e Miguel Anxo Fernández Lores, dun epílogo que entendo relevante subscrito por Rosa Campos, psicóloga do Centro de Información á Muller do Concello de Pontevedra onde, desde un punto de vista global e accesible, se asedian as causas e a realidade do maltrato, convertendo as súas páxinas nunha proposta que, probablemente, poida axudar a moitas persoas nestas situacións. É, precisamente, Rosa Campos quen apunta un elemento clave desta achega definíndoo como un libro operativo para “concienciar á poboación do inferno que vive unha muller maltratada” e, ao tempo, para “concienciar ás administracións da importancia de escoitalas”.
As experiencias de maltrato, físico e psicolóxico, en tantas ocasións un verdadeiro tormento, converxen na exposición de pautas ou padróns de comportamento que se reiteran nos máis casos. Xorden aquí, como golpes na conciencia, asuntos como a operatividade das denuncias e o temor a interpoñelas, as dificultades para detectar o maltrato, a perversión que se agocha no amor romántico, os casos de neglixencia, a cuestión dos perfís e a dos sentimentos de culpabilidade, o acoso, o exercicio da violencia máis cruel, a cousificación dos fillos, a culpabilización das vítimas… Cada caso é distinto, mais todos conflúen en inquirirnos, como persoas, sobre o que cadaquén fai arredor desta lacra social, sobre o que cadaquén pode facer para evitala.
Un libro, en fin, que lle pon cara á violencia machista, ao maltrato, ás mulleres maltratadas e, ao tempo, aos maltratadores e á comprensión social que inexplicablemente os rodea. Un libro difícil de esquecer, quen o dubida, mais ao tempo unha iniciativa necesaria na nosa sociedade cunha inexcusable operatividade para todas as persoas que están en período de formación e non só, mesmo para as mulleres maltratadas, para que saiban que non están soas. Os meus parabéns á autora por idealo e levalo a cabo; grazas a Eva, Mariluz, Tina, Ana, Irene, Marga e Begoña polos seus valiosos e valentes testemuños.
FONTE: https://cadernodacritica.wordpress.com/2017/12/08/invisibles-relatos-do-maltrato-de-montse-fajardo/
Ningún comentario:
Publicar un comentario