NOVA LECTURA DO GRUPO DE BACHARELATO
Invisibles. Relatos do maltrato, de Montse Fajardo
INFORMACIÓN TIRADA DO CADERNO DA CRÍTICA, DE RAMÓN NICOLÁS
Montse Fajardo sorprendeu con
Matriarcas, seguiu a facelo con
Un cesto de mazás e continúa neste ronsel con
Invisibles. Relatos do maltrato, volume que ao tempo estrea un novo selo editorial.
Hai libros que un le cun nó na gorxa porque, aos poucos, vai
configurándose un abismo que non é ficción, que é realidade tanxible
aínda que tantas veces se invisibiliza. Ningún título máis acaído, polo
tanto, para nesta proposta na que a autora decide, practicamente,
retirarse a un segundo plano, allea a protagonismos, nin sequera o que
lle correspondería ao facer uso dunha posible e lícita voz narrativa.
Aquí non hai opinións, non se conduce á lectora ou lector por camiños
previamente deseñados: son as mulleres obxecto de maltrato as que contan
as súas propias experiencias. A autora deixa testemuño, ordena as
secuencias e segméntaas -algo que se agradece pois son moitas as
ocasións nas que se precisa deterse, alentar e reflexionar- e deseña con
acerto eses monólogos -na realidade diálogos- que se mergullan na
dimensión máis emocional e fonda da vida de cada unha delas. O fío
narrativo, así pois, protagonízano sete voces de mulleres maltratadas
que devorcan aquí un material sensible, isto é, as súas experiencias
esgazadoras, ben porque é a autora quen reconstrúe algúns casos ben
porque se lles dá a voz cun recurso semellante ao empregado polo xuíz d´
A esmorga: nunca
se xulga e as conclusións sacámolas nós. Todo iso fai que este sexa un
libro duro, abofé, e non podía ser doutra maneira porque se deseña un
universo estarrecedor, cheo de dor, violencia e morte en tantas
ocasións.
Invisibles, así pois, incorpora sete relatos en tantos casos
de resistencia heroica e acompáñase ademais, alén de senllos limiares a
cargo de Carme Fouces e Miguel Anxo Fernández Lores, dun epílogo que
entendo relevante subscrito por Rosa Campos, psicóloga do
Centro de Información á Muller
do Concello de Pontevedra onde, desde un punto de vista global e
accesible, se asedian as causas e a realidade do maltrato, convertendo
as súas páxinas nunha proposta que, probablemente, poida axudar a moitas
persoas nestas situacións. É, precisamente, Rosa Campos quen apunta un
elemento clave desta achega definíndoo como un libro operativo para
“concienciar á poboación do inferno que vive unha muller maltratada” e,
ao tempo, para “concienciar ás administracións da importancia de
escoitalas”.
As experiencias de maltrato, físico e psicolóxico, en tantas ocasións
un verdadeiro tormento, converxen na exposición de pautas ou padróns
de comportamento que se reiteran nos máis casos. Xorden aquí, como
golpes na conciencia, asuntos como a operatividade das denuncias e o
temor a interpoñelas, as dificultades para detectar o maltrato, a
perversión que se agocha no amor romántico, os casos de neglixencia, a
cuestión dos perfís e a dos sentimentos de culpabilidade, o acoso, o
exercicio da violencia máis cruel, a cousificación dos fillos, a
culpabilización das vítimas… Cada caso é distinto, mais todos conflúen
en inquirirnos, como persoas, sobre o que cadaquén fai arredor desta
lacra social, sobre o que cadaquén pode facer para evitala.
Un libro, en fin, que lle pon cara á violencia machista, ao maltrato,
ás mulleres maltratadas e, ao tempo, aos maltratadores e á comprensión
social que inexplicablemente os rodea. Un libro difícil de esquecer,
quen o dubida, mais ao tempo unha iniciativa necesaria na nosa sociedade
cunha inexcusable operatividade para todas as persoas que están en
período de formación e non só, mesmo para as mulleres maltratadas, para
que saiban que non están soas. Os meus parabéns á autora por idealo e
levalo a cabo; grazas a Eva, Mariluz, Tina, Ana, Irene, Marga e Begoña
polos seus valiosos e valentes testemuños.
FONTE: https://cadernodacritica.wordpress.com/2017/12/08/invisibles-relatos-do-maltrato-de-montse-fajardo/