A
nosa primeira incursión á lectura en 1º ESO (sección do Club
coordinado polas profesoras Rosario Pastoriza e Elena Veiga) foi
achegarnos a un cómic que tivo moi boa acollida entre o alumnado: A
proba de auga.
Foi esta obra de Anémona de Río un pretexto para falar do
coñecemento científico e, tamén, para reflexionar sobre como pode
ser o proceso creativo cando temos que conxugar imaxe e texto.
Viaxamos, así, de Anémona de Río a Castelao, coñecendo os nosos
clásicos porque estes tamén se situaron nun lugar que unía imaxes
e textos.
Xa
dende a nosa primeira xuntanza (o 21 de decembro do 2020) sabiamos
que A
proba de auga
era un texto que nos permitiría falar de temas ben diversos: a banda
deseñada en galego, as peculiaridades do manga, a cultura xaponesa,
o avance científico e a necesidade de que exista investigación na
nosa terra ou a construción de historias que xogan coas cores para
transmitirnos estados de ánimo diferentes, como sucede con esta obra
de Anémona de Río. Investigamos, tamén, a autora, vimos novos
proxectos seus nas redes sociais e pescudamos que escolas de banda
deseñada e ilustración existen en Galicia, o que nos levou a
coñecer O garaxe hermético.
A
continuación podedes ver unhas fotos da merenda que fixemos ese 21
de decembro do 2020 na que, nun ambiente distendido, nos achegamos á
banda deseñada en galego:
Despois
de termos lido a obra, o 5 de febreiro do 2021 fixemos unha segunda
xuntanza onde a totalidade do alumnado participante mostrou o seu
entusiasmo pola obra. Foi un auténtico éxito e mesmo algúns e
algunhas se animaron a ler a primeira obra de Anémona de Río: Tam.
Aquí podedes ver unhas imaxes da nosa reunión:
Por
suposto, a nosa cita lectora non remata aquí! Seguro que todas e
todos sabedes que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas a
Xela Arias. Dende o noso Club imos aproveitar para coñecer un pouco
máis esta autora e leremos os relatos de Non
te amola!
O
que polo de agora non sabiades era que poñeremos a nosa cámara a
funcionar para gravarnos lendo eses textos nos que a infancia da
autora está tan presente e enviarémolos a un centro de Día da para
maiores que se puxo en contacto connosco: Agadea. Iniciamos así,
dende o Club de Lectura e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega,
un proxecto que une dúas xeracións a través do fío condutor da
infancia. Non vos parece unha iniciativa marabillosa? Que estea ben
atento o alumnado de 1º ESO A e 1º ESO B!