Por fin! Chegou o momento!
O GRUPO 1 (1º ESO) terá a primeira sesión do Club de lectura:
- Día: 29 de novembro
- Hora: 11:25
- Lugar: Biblioteca
Agardamos por vós!
Por fin! Chegou o momento!
O GRUPO 1 (1º ESO) terá a primeira sesión do Club de lectura:
Agardamos por vós!
Como comentamos na sesión inicial, imos ter diferentes grupos:
Se houbese máis persoas inscritas para a primeira sesión, refariamos ou ampliariamos os grupos.
Aínda estades a tempo!
Xa estamos de volta un curso máis! 👏👏👏
Todas as persoas que queirades participar no Club de lectura podedes achegarvos este luns á reunión inicial que imos ter na Augateca para poder organizar os grupos.
Non o dubidedes. Achegádevos!
A nosa primeira incursión á lectura en 1º ESO (sección do Club coordinado polas profesoras Rosario Pastoriza e Elena Veiga) foi achegarnos a un cómic que tivo moi boa acollida entre o alumnado: A proba de auga. Foi esta obra de Anémona de Río un pretexto para falar do coñecemento científico e, tamén, para reflexionar sobre como pode ser o proceso creativo cando temos que conxugar imaxe e texto. Viaxamos, así, de Anémona de Río a Castelao, coñecendo os nosos clásicos porque estes tamén se situaron nun lugar que unía imaxes e textos.
Xa dende a nosa primeira xuntanza (o 21 de decembro do 2020) sabiamos que A proba de auga era un texto que nos permitiría falar de temas ben diversos: a banda deseñada en galego, as peculiaridades do manga, a cultura xaponesa, o avance científico e a necesidade de que exista investigación na nosa terra ou a construción de historias que xogan coas cores para transmitirnos estados de ánimo diferentes, como sucede con esta obra de Anémona de Río. Investigamos, tamén, a autora, vimos novos proxectos seus nas redes sociais e pescudamos que escolas de banda deseñada e ilustración existen en Galicia, o que nos levou a coñecer O garaxe hermético.
A continuación podedes ver unhas fotos da merenda que fixemos ese 21 de decembro do 2020 na que, nun ambiente distendido, nos achegamos á banda deseñada en galego:
Despois de termos lido a obra, o 5 de febreiro do 2021 fixemos unha segunda xuntanza onde a totalidade do alumnado participante mostrou o seu entusiasmo pola obra. Foi un auténtico éxito e mesmo algúns e algunhas se animaron a ler a primeira obra de Anémona de Río: Tam. Aquí podedes ver unhas imaxes da nosa reunión:
Por suposto, a nosa cita lectora non remata aquí! Seguro que todas e todos sabedes que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas a Xela Arias. Dende o noso Club imos aproveitar para coñecer un pouco máis esta autora e leremos os relatos de Non te amola!
O que polo de agora non sabiades era que poñeremos a nosa cámara a funcionar para gravarnos lendo eses textos nos que a infancia da autora está tan presente e enviarémolos a un centro de Día da para maiores que se puxo en contacto connosco: Agadea. Iniciamos así, dende o Club de Lectura e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, un proxecto que une dúas xeracións a través do fío condutor da infancia. Non vos parece unha iniciativa marabillosa? Que estea ben atento o alumnado de 1º ESO A e 1º ESO B!
A obra elixida para a sección do Club de Lectura de 4º ESO, coordinado polo profesor Carlos Galego, foi La delicadeza, de David Foenkinos. Foron necesarias varias xuntanzas ao longo de febreiro (despois daquela primeira toma de contacto do 21 de decembro do 2020) para podérmonos achegar á profundidade real desta obra que pode parecer sinxela e sen complicacións pero que vai moito máis alá. Puidemos comprobar que o grupo de 4º ESO está formado por rapazas e rapaces con pensamento crítico e cunha profunda sensibilidade; peculiaridade que xa coñeciamos dos traballos que realizaron, tamén, fóra do club de lectura.
A continuación podedes ver algunhas imaxes dunha das xuntanzas:
E por se isto fose pouco, a achega á obra continuou coa realización do visionado do filme ¨La delicadeza¨, dirixido por David Foenkinos e Stéphane Foenkinos con Audrey Tautou como actriz protagonista. Desta volta tamén queremos agradecer á titora (María Teresa Troncoso) a súa implicación no Club de Lectura proxectando o filme nas horas de titoría.
Axiña volveremos con máis sorpresas!
De seguro que vos estabades preguntando que se estivo lendo no Club de Lectura en 2º ESO, coordinado polas profesoras Susana Iglesias e Cristina Romero. As lecturas foron do máis apaixonantes: comezamos coa lectura de Mandrágora, da autora Laura Gallego. Sabemos que esta autora (Laura Gallego) se caracteriza por ¨enganchar¨ ao lector e por transportalo a mundos que deixan voar a súa imaxinación e, por suposto, desta volta non decepcionou. En Mandrágora viaxamos entre príncipes e castelos e a nosa xuntanza despois de ter lido o libro (o 29 de xaneiro do 2021) estivo chea de misterio: que importancia ten a palabra ¨Mandrágora¨ na obra? Como levariamos ese mundo medieval aos nosos días? Foron estes asuntos que xa se deixaran ver na nosa primeira e tímida reunión do 18 de decembro do 2020, na que, inmersos nunha situación tan incerta como a que vivimos este ano, soñabamos con vivir outras realidades ás que chegamos a través dos libros.
Outro autor tamén moi coñecido foi o escollido para a segunda lectura en 2º ESO: Carlos Ruiz Zafón co seu Príncipe de la niebla, unha obra que non deixou ao alumnado de 2º ESO despegar a mirada do texto; un libro que non te solta e que se che mete no corpo para xa non soltarte... sabemos que moitos e moitas se fixeron con máis libros da saga e non é para menos!
A última obra escollida para 2º ESO foi Las lágrimas de Shiva, un clásico de César Mallorquí do que tampouco poderán despegar a mirada. Manterémosvos informados e informadas da nosa próxima xuntanza!
A obra escollida para a sección de 3º ESO do Club de Lectura, coordinada polos profesores María Teresa Troncoso e Carlos Galego, foi Persépolis. Quen aínda non oíu falar desta novela gráfica de Marjane Satrapi na que esta nos leva ata Teherán na época de revolución islámica?
O alumnado de 3º ESO iniciou de xeito espontáneo un debate sobre as liberdades individuais e os cambios históricos. Ademais, tiveron a sorte de poderen realizar unha das súas xuntanzas (a do 14 de xaneiro do 2021) na nosa Augateca, que como xa sabedes este ano (por mor da situación sanitaria) se converteu nunha das clases de 3º ESO. Estiveron, así, rodeados de libros e dese clima tan especial que invita á reflexión que só se atopa na Augateca. E, ademais, tiveron merenda!
O seguinte que fixemos foi dar o paso do papel ao audiovisual e vimos o filme Persépolis, do director Vincent Paronnaud, nas horas de titoría. Mil grazas aos titores por estardes tamén implicados co Club de Lectura!