xoves, 8 de febreiro de 2018

Todo o tempo do mundo será a novela de febreiro para o Clube de Lectura da ESO


Premio Merlín de Literatura Infantil, 2016, de Edicións Xerais de Galicia, escrita por David Pérez Iglesias e ilustrada por Marcos Viso, é un libro de lectura interxeracional, onde as dsistancias dependen das emocións e abrolla unha historia inzada de amor, tenrura e sensibilidade.

Sinopse:  

Ariadna lembra aqueles vinte días felices que pasaron entre a mañá en que chegou á aldea na furgoneta dos panadeiros e a mañá en que Valente, o seu avó, a deixou no aeroporto, camiño de Canadá, onde emigraron os seus pais despois de ser despedidos do traballo. Días inesquecibles de verán nos que esta rapaza de case doce anos aprendeu na casa da Albariza o nome de cada unha das árbores e a identificar o son do río e da fervenza, do merlo e do paspallás. Da man do avó Valente, Ariadna abre os ollos a un mundo que é por última vez e a unha maneira de camiñar pola vida que durará sempre. Unha novela emocionante, que paga a pena ler aos dez e aos cincuenta anos. Un relato moi fermoso que describe de que estamos feitos, como se conforma a propia vida e onde, con quen, ou como ordenamos prioridades.

FICHA DE LECTURA: https://www.xerais.gal/catalogos/proyectos_lectura/XG00248701_9999971249.pdf

martes, 23 de xaneiro de 2018


IMAXES DA CONVERSA DO GRUPO DO CLUBE DE LECTURA DE BACHARELATO
CON ANA CABALEIRO O LUNS 22 DE XANEIRO NA AUGATECA



Un encontro con diferentes reflexións sobre "Sapos e Sereas", o xeito de construír relatos e diversas experiencias do oficio literario




xoves, 18 de xaneiro de 2018



ENCONTRO CON ANA CABALEIRO, AUTORA DE 

“SAPOS E SEREAS”, NO IES PEDRA DA AUGA

O vindeiro luns 22 de xaneiro ás 17:10 na Augateca teremos un encontro da escritora Ana Cabaleiro co alumnado do Clube de Lectura de Bacharelato, unhas das voces máis sorprendentes da nosa literatura, quen se estreou na primavera de 2017 coa publicación de “Sapos e Sereas” . Un conxunto de relatos que deconstrúen os tópicos literarios desde a igualdade, e que conta xa con varias edicións debido á súa orixinalidade e dinamismo narrativo.

martes, 16 de xaneiro de 2018

Conversas sobre o Mecanoscrito da Segunda Orixe


CONVERSAS SOBRE O MECRANOSCRITO

DA SEGUNDA ORIXE




O Clube de Lectura da ESO Augateca mantivo o xoves 11 de xaneiro unha xuntanza para analizar, conversar e compartir a lectura da novela de Manuel de Pedrolo. Esta metáfora das outras vidas que podería ter a humanidade , os descruburmentos da adolescencia, a destrución da vida por causa extraterrestre e as ansisas de supervivencia, centraron os comentarios do alumnado.

Os integrantes do Clube discutiron sobre os valores que transmite este supervendas da literatura catalá, traducido ao galego por María Vitoria Moreno, a autora á que se lle dedican as letras galegas deste ano. Temas como a supervivencia, a importancia de adquirir coñecementos, o racismo e a intolerancia, a bondade, a amizade e o amor.

Comparouse a historia vivida polos personaxes protagonistas Alba e Dídac con series como The Walking dead ou Perdidos e realizáronse varias actividades como unha listaxe daquelas cousas imprescindíbeis que se recollerían para porse a salvo e sobreviviren, os tres libros preferidos que marcaron ao alumnado e que preservarían nunha biblioteca do futuro, a posibilidade de que haxa vida noutros planetas ou a incerteza de como será o horizonte para o planteta Terra e a humanidade por causa da contaminación, o cambio climático, etc.