xoves, 8 de febreiro de 2018

Todo o tempo do mundo será a novela de febreiro para o Clube de Lectura da ESO


Premio Merlín de Literatura Infantil, 2016, de Edicións Xerais de Galicia, escrita por David Pérez Iglesias e ilustrada por Marcos Viso, é un libro de lectura interxeracional, onde as dsistancias dependen das emocións e abrolla unha historia inzada de amor, tenrura e sensibilidade.

Sinopse:  

Ariadna lembra aqueles vinte días felices que pasaron entre a mañá en que chegou á aldea na furgoneta dos panadeiros e a mañá en que Valente, o seu avó, a deixou no aeroporto, camiño de Canadá, onde emigraron os seus pais despois de ser despedidos do traballo. Días inesquecibles de verán nos que esta rapaza de case doce anos aprendeu na casa da Albariza o nome de cada unha das árbores e a identificar o son do río e da fervenza, do merlo e do paspallás. Da man do avó Valente, Ariadna abre os ollos a un mundo que é por última vez e a unha maneira de camiñar pola vida que durará sempre. Unha novela emocionante, que paga a pena ler aos dez e aos cincuenta anos. Un relato moi fermoso que describe de que estamos feitos, como se conforma a propia vida e onde, con quen, ou como ordenamos prioridades.

FICHA DE LECTURA: https://www.xerais.gal/catalogos/proyectos_lectura/XG00248701_9999971249.pdf

martes, 23 de xaneiro de 2018


IMAXES DA CONVERSA DO GRUPO DO CLUBE DE LECTURA DE BACHARELATO
CON ANA CABALEIRO O LUNS 22 DE XANEIRO NA AUGATECA



Un encontro con diferentes reflexións sobre "Sapos e Sereas", o xeito de construír relatos e diversas experiencias do oficio literario




xoves, 18 de xaneiro de 2018



ENCONTRO CON ANA CABALEIRO, AUTORA DE 

“SAPOS E SEREAS”, NO IES PEDRA DA AUGA

O vindeiro luns 22 de xaneiro ás 17:10 na Augateca teremos un encontro da escritora Ana Cabaleiro co alumnado do Clube de Lectura de Bacharelato, unhas das voces máis sorprendentes da nosa literatura, quen se estreou na primavera de 2017 coa publicación de “Sapos e Sereas” . Un conxunto de relatos que deconstrúen os tópicos literarios desde a igualdade, e que conta xa con varias edicións debido á súa orixinalidade e dinamismo narrativo.

martes, 16 de xaneiro de 2018

Conversas sobre o Mecanoscrito da Segunda Orixe


CONVERSAS SOBRE O MECRANOSCRITO

DA SEGUNDA ORIXE




O Clube de Lectura da ESO Augateca mantivo o xoves 11 de xaneiro unha xuntanza para analizar, conversar e compartir a lectura da novela de Manuel de Pedrolo. Esta metáfora das outras vidas que podería ter a humanidade , os descruburmentos da adolescencia, a destrución da vida por causa extraterrestre e as ansisas de supervivencia, centraron os comentarios do alumnado.

Os integrantes do Clube discutiron sobre os valores que transmite este supervendas da literatura catalá, traducido ao galego por María Vitoria Moreno, a autora á que se lle dedican as letras galegas deste ano. Temas como a supervivencia, a importancia de adquirir coñecementos, o racismo e a intolerancia, a bondade, a amizade e o amor.

Comparouse a historia vivida polos personaxes protagonistas Alba e Dídac con series como The Walking dead ou Perdidos e realizáronse varias actividades como unha listaxe daquelas cousas imprescindíbeis que se recollerían para porse a salvo e sobreviviren, os tres libros preferidos que marcaron ao alumnado e que preservarían nunha biblioteca do futuro, a posibilidade de que haxa vida noutros planetas ou a incerteza de como será o horizonte para o planteta Terra e a humanidade por causa da contaminación, o cambio climático, etc.

xoves, 21 de decembro de 2017


Sapos e Sereas de Ana Cabaleiro é a lectura de Nadal do Clube de Lectura de Bacharelato


Este conxunto de relatos son a estrea literaria da autora silledá, unha voz especialmente singular dentro da nosa literatura e que nos vai agasallar, no futuro, páxinas coa mesma potencia literaria coma as que temos neste mollo de relatos. Neste volume nada é o que parece. A autora disponse a darlle a volta a moitas historias que pensabamos que só se podían contar dunha maneira. E, grazas á súa ollada nova, descubrimos que hai moitos sapos que non merecen saír da fochanca, que hai Sereas atrapadas en destinos tráxicos e que a realidade é, cando menos, cuestionable. Mellor dito, que hai que a cuestionar

Fonte. Editorial Galaxia.



CADERNO DA CRÍTICA. Blogue de Ramón Nicolás... 
É sempre moi grato ler unha achega narrativa dunha autora que comeza o seu camiño e aínda máis cando esta estrea leva aparellada unha indubidable brillantez literaria. Sapos e sereas testemuña a aparición dunha voz que confío chegue para quedar e poida ofrecer no futuro máis probas do seu traballo. Polo de agora este volume supón unha excelente carta de presentación que ben se pode entender como unha colectánea de relatos ou se se quer, pois en cuestións de xéneros literarios todo é discutible, unha novela ao abrazar internamente liñas argumentais que dalgún xeito se interfiren e que magmatizan a totalidade do seu contido.
Dun ou doutro xeito, esta proposta da Ana Cabaleiro tripa camiños pouco convencionais e, por outro lado, exhibe un proceso de creación madurado e conscientemente activo ao peneirar todos os argumentos recreados cun cribo que permite obter unha visión diferente dos que son pequenas ou grandes historias, abordando lugares comúns ou non tanto, sexan tirados da mitoloxía ou da vida cotiá, reparando na adecuación desas respostas colectivas e individuais que chegaron ata nós as máis das veces cunha lectura unívoca e olladas tan só desde a perspectiva patriarcal. Neste libro hai moita vida e, como tal, latexa nel de punta a couce unha vontade de cuestionarse a razón última -se a hai- das cousas que non son porque si, dos comportamentos, das actitudes, dos pequenos xestos da vida cotiá que por veces acadan, ou poden acadar, consecuencias inesperadas.
Gústame ver este «Sapos e sereas» como un proxectil -acompañado de humor e ironía en moitas ocasións, tamén con moito coidado depositado no rexistro que se emprega- que atravesa a toda a velocidade a liña de flotación dos estereotipos, os clixés, as convencións sociais ou os prexuízos máis daniños. Impacta neles con acerto e só agarda que sexamos activos e que, talvez, saibamos responder. Contra ese estado de narcolepsia que adormece ofrece reflexión e suxire reacción. Talvez por iso sexa un libro que me gustou tanto.

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, o 21 de abril de 2017.

xoves, 2 de novembro de 2017

1ª xuntanza do Clube de lectura


Presentación e primeira xuntanza do Clube

de Lectura da Augateca o pasado xoves 28

de outubro

Nel participan máis dunha vintena de alumn@s de 1º, 2 e 3º da ESO con moita vontade de ler e descubrir novas realidades dentro e fóra das lecturas. Cantos MÁIS LIBROS leamos, MÁIS LIBRES seremos.



Mecanoscrito da segunda orixe é a novela escollida 

para o primeiro trimestre

Autor: Manuel de Pedrolo. Tradución María Victoria Moreno. Edotorial Galaxia. Colección Costa Oeste.

Sinopse: Conta a historia de Alba e Dídac, dous rapaces que sobreviven a unha catástrofe que fai do mundo un lugar desolado e infernal. Desde o espanto dos primeiros momentos, a parella irá evoluíndo e adaptándose ao novo contorno até facer do amor o acontecemento central das súas vidas.

ACTIVIDADES 1º TRIMESTRE

Terán lugar na Biblioteca os días 1 e 21 de decembro e 11 de xaneiro de 2019. Promoveremos o debate, visionaremos unha película e faremos unha introdución á autora das Letras Galegas 2018:

. 1/12/2017: Debate reflexivo sobre a novela, temas e valores que trata en transmite: o coñecemento, o racismo e a intolerancia, a bondade, a amizade e o amor.
.21/12/2017: Analizaremos o libro co visionado da mediametraxe catalá homónima Mecanoscrit del segon origen (https://www.youtube.com/watch?v=Hb5J-aBXEEU).
.11.01/2018: Combinaremos o lido coa pesquisa de información e documentación, xa no inicio do curso, da autora María Victoria Moreno, tradutora no seu tempo desta novela ao galego, e escritora á que se lle dedican as letras galegas 2018.