martes, 23 de novembro de 2021

Primeira sesión do GRUPO 1

 

Por fin! Chegou o momento! 

O GRUPO 1 (1º ESO) terá a primeira sesión do Club de lectura:

  • Día:      29 de novembro
  • Hora:   11:25
  • Lugar:  Biblioteca

Agardamos por vós!

División en grupos

 Como comentamos na sesión inicial, imos ter diferentes grupos:

  • GRUPO 1: formado polo alumnado de 1º ESO
  • GRUPO 2: formado polo alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO

Se houbese máis persoas inscritas para a primeira sesión, refariamos ou ampliariamos os grupos.

Aínda estades a tempo!

COMEZAMOS!!

 

Xa estamos de volta un curso máis! 👏👏👏

Todas as persoas que queirades participar no Club de lectura podedes achegarvos este luns á reunión inicial que imos ter na Augateca para poder organizar os grupos.

Non o dubidedes. Achegádevos!

mércores, 26 de maio de 2021

1º ESO leu Non te amola! para celebrar as Letras Galegas

 

    


    No recreo do 26 de maio o alumnado que pertence ao Club de Lectura reuniuse para comentar a obra de Xela Arias (a quen se lle dedican as Letras Galegas neste ano 2021). O encontro foi moi divertido para todos e todas porque merendamos mentres reflexionamos sobre a importancia da infancia, tan presente en Non te amola! De feito, foron moitos e moitas as que se animaron a contar recordos da infancia. 

 


 

xoves, 6 de maio de 2021

Traemos boas noticias para a sección de 1º ESO do Club de Lectura!

 

    A nosa primeira incursión á lectura en 1º ESO (sección do Club coordinado polas profesoras Rosario Pastoriza e Elena Veiga) foi achegarnos a un cómic que tivo moi boa acollida entre o alumnado: A proba de auga. Foi esta obra de Anémona de Río un pretexto para falar do coñecemento científico e, tamén, para reflexionar sobre como pode ser o proceso creativo cando temos que conxugar imaxe e texto. Viaxamos, así, de Anémona de Río a Castelao, coñecendo os nosos clásicos porque estes tamén se situaron nun lugar que unía imaxes e textos.

Xa dende a nosa primeira xuntanza (o 21 de decembro do 2020) sabiamos que A proba de auga era un texto que nos permitiría falar de temas ben diversos: a banda deseñada en galego, as peculiaridades do manga, a cultura xaponesa, o avance científico e a necesidade de que exista investigación na nosa terra ou a construción de historias que xogan coas cores para transmitirnos estados de ánimo diferentes, como sucede con esta obra de Anémona de Río. Investigamos, tamén, a autora, vimos novos proxectos seus nas redes sociais e pescudamos que escolas de banda deseñada e ilustración existen en Galicia, o que nos levou a coñecer O garaxe hermético.

A continuación podedes ver unhas fotos da merenda que fixemos ese 21 de decembro do 2020 na que, nun ambiente distendido, nos achegamos á banda deseñada en galego: 

 




 

Despois de termos lido a obra, o 5 de febreiro do 2021 fixemos unha segunda xuntanza onde a totalidade do alumnado participante mostrou o seu entusiasmo pola obra. Foi un auténtico éxito e mesmo algúns e algunhas se animaron a ler a primeira obra de Anémona de Río: Tam. Aquí podedes ver unhas imaxes da nosa reunión:



Por suposto, a nosa cita lectora non remata aquí! Seguro que todas e todos sabedes que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas a Xela Arias. Dende o noso Club imos aproveitar para coñecer un pouco máis esta autora e leremos os relatos de Non te amola!

O que polo de agora non sabiades era que poñeremos a nosa cámara a funcionar para gravarnos lendo eses textos nos que a infancia da autora está tan presente e enviarémolos a un centro de Día da para maiores que se puxo en contacto connosco: Agadea. Iniciamos así, dende o Club de Lectura e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, un proxecto que une dúas xeracións a través do fío condutor da infancia. Non vos parece unha iniciativa marabillosa? Que estea ben atento o alumnado de 1º ESO A e 1º ESO B!