Amosando publicacións coa etiqueta ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ESO. Amosar todas as publicacións

xoves, 6 de maio de 2021

Traemos boas noticias para a sección de 1º ESO do Club de Lectura!

 

    A nosa primeira incursión á lectura en 1º ESO (sección do Club coordinado polas profesoras Rosario Pastoriza e Elena Veiga) foi achegarnos a un cómic que tivo moi boa acollida entre o alumnado: A proba de auga. Foi esta obra de Anémona de Río un pretexto para falar do coñecemento científico e, tamén, para reflexionar sobre como pode ser o proceso creativo cando temos que conxugar imaxe e texto. Viaxamos, así, de Anémona de Río a Castelao, coñecendo os nosos clásicos porque estes tamén se situaron nun lugar que unía imaxes e textos.

Xa dende a nosa primeira xuntanza (o 21 de decembro do 2020) sabiamos que A proba de auga era un texto que nos permitiría falar de temas ben diversos: a banda deseñada en galego, as peculiaridades do manga, a cultura xaponesa, o avance científico e a necesidade de que exista investigación na nosa terra ou a construción de historias que xogan coas cores para transmitirnos estados de ánimo diferentes, como sucede con esta obra de Anémona de Río. Investigamos, tamén, a autora, vimos novos proxectos seus nas redes sociais e pescudamos que escolas de banda deseñada e ilustración existen en Galicia, o que nos levou a coñecer O garaxe hermético.

A continuación podedes ver unhas fotos da merenda que fixemos ese 21 de decembro do 2020 na que, nun ambiente distendido, nos achegamos á banda deseñada en galego: 

 




 

Despois de termos lido a obra, o 5 de febreiro do 2021 fixemos unha segunda xuntanza onde a totalidade do alumnado participante mostrou o seu entusiasmo pola obra. Foi un auténtico éxito e mesmo algúns e algunhas se animaron a ler a primeira obra de Anémona de Río: Tam. Aquí podedes ver unhas imaxes da nosa reunión:



Por suposto, a nosa cita lectora non remata aquí! Seguro que todas e todos sabedes que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas a Xela Arias. Dende o noso Club imos aproveitar para coñecer un pouco máis esta autora e leremos os relatos de Non te amola!

O que polo de agora non sabiades era que poñeremos a nosa cámara a funcionar para gravarnos lendo eses textos nos que a infancia da autora está tan presente e enviarémolos a un centro de Día da para maiores que se puxo en contacto connosco: Agadea. Iniciamos así, dende o Club de Lectura e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, un proxecto que une dúas xeracións a través do fío condutor da infancia. Non vos parece unha iniciativa marabillosa? Que estea ben atento o alumnado de 1º ESO A e 1º ESO B!


mércores, 31 de marzo de 2021

La delicadeza en 4º ESO

 

    A obra elixida para a sección do Club de Lectura de 4º ESO, coordinado polo profesor Carlos Galego, foi La delicadeza, de David Foenkinos. Foron necesarias varias xuntanzas ao longo de febreiro (despois daquela primeira toma de contacto do 21 de decembro do 2020) para podérmonos achegar á profundidade real desta obra que pode parecer sinxela e sen complicacións pero que vai moito máis alá. Puidemos comprobar que o grupo de 4º ESO está formado por rapazas e rapaces con pensamento crítico e cunha profunda sensibilidade; peculiaridade que xa coñeciamos dos traballos que realizaron, tamén, fóra do club de lectura.

A continuación podedes ver algunhas imaxes dunha das xuntanzas:


E por se isto fose pouco, a achega á obra continuou coa realización do visionado do filme ¨La delicadeza¨, dirixido por David Foenkinos e Stéphane Foenkinos con Audrey Tautou como actriz protagonista. Desta volta tamén queremos agradecer á titora (María Teresa Troncoso) a súa implicación no Club de Lectura proxectando o filme nas horas de titoría.

Axiña volveremos con máis sorpresas!

martes, 2 de febreiro de 2021

Unha viaxe a Oriente Medio da man de Satrapi en 3º ESO

 

A obra escollida para a sección de 3º ESO do Club de Lectura, coordinada polos profesores María Teresa Troncoso e Carlos Galego, foi Persépolis. Quen aínda non oíu falar desta novela gráfica de Marjane Satrapi na que esta nos leva ata Teherán na época de revolución islámica? 


 

O alumnado de 3º ESO iniciou de xeito espontáneo un debate sobre as liberdades individuais e os cambios históricos. Ademais, tiveron a sorte de poderen realizar unha das súas xuntanzas (a do 14 de xaneiro do 2021) na nosa Augateca, que como xa sabedes este ano (por mor da situación sanitaria) se converteu nunha das clases de 3º ESO. Estiveron, así, rodeados de libros e dese clima tan especial que invita á reflexión que só se atopa na Augateca. E, ademais, tiveron merenda!





O seguinte que fixemos foi dar o paso do papel ao audiovisual e vimos o filme Persépolis, do director Vincent Paronnaud, nas horas de titoría. Mil grazas aos titores por estardes tamén implicados co Club de Lectura!

mércores, 6 de xuño de 2018


ENCONTRO DE  ALFONSO  PEXEGUEIRO 

CO ALUMNADO DE BACHARELATO DO

CLUBE DE LECTURA DA AUGATECA

OS GRUPOS DE 1º DA ESO



O mércores 30 de maio foi un día moi especial para o IES Pedra da Auga de Ponteareas. O alunado de bacharelato do Clube de Lectura da Augateca e de primeiro da ESO, encontrouse co poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro para comentar Blasfemias do silencio (de Seraogna aos Balcáns) e O lago das garzas azuis, respectivamente. 


Falouse de poesía como ferramenta para transformar o mundo, do conceito de poeta como aquel que ve o que outros non ven, da infancia como verdade perdurábel. Foi unha xornada intensa e chea de emocións. 


O termo poeta cobra sentido e medra coa olhada 
inmutabelmente sensíbel de Alfonso Pexegueiro, autor 
fundamental para as nosas letras e a nosa lingua propia ao 
que quixemos reconhecer na súa terra e desde a perspectiva
infanto-xuvenil.

luns, 23 de abril de 2018


AS EMOCIÓNS SENTIDAS NA NOVELA TODO O TEMPO DO MUNDO PROTAGONIZARON UNHA NOVA XUNTANZA DO CLUBE DE LECTURA DA ESO 
A emigración
As despedidas 

martes, 16 de xaneiro de 2018

Conversas sobre o Mecanoscrito da Segunda Orixe


CONVERSAS SOBRE O MECRANOSCRITO

DA SEGUNDA ORIXE




O Clube de Lectura da ESO Augateca mantivo o xoves 11 de xaneiro unha xuntanza para analizar, conversar e compartir a lectura da novela de Manuel de Pedrolo. Esta metáfora das outras vidas que podería ter a humanidade , os descruburmentos da adolescencia, a destrución da vida por causa extraterrestre e as ansisas de supervivencia, centraron os comentarios do alumnado.

Os integrantes do Clube discutiron sobre os valores que transmite este supervendas da literatura catalá, traducido ao galego por María Vitoria Moreno, a autora á que se lle dedican as letras galegas deste ano. Temas como a supervivencia, a importancia de adquirir coñecementos, o racismo e a intolerancia, a bondade, a amizade e o amor.

Comparouse a historia vivida polos personaxes protagonistas Alba e Dídac con series como The Walking dead ou Perdidos e realizáronse varias actividades como unha listaxe daquelas cousas imprescindíbeis que se recollerían para porse a salvo e sobreviviren, os tres libros preferidos que marcaron ao alumnado e que preservarían nunha biblioteca do futuro, a posibilidade de que haxa vida noutros planetas ou a incerteza de como será o horizonte para o planteta Terra e a humanidade por causa da contaminación, o cambio climático, etc.