Amosando publicacións coa etiqueta LECTURAS DO CLUB. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LECTURAS DO CLUB. Amosar todas as publicacións

mércores, 26 de maio de 2021

1º ESO leu Non te amola! para celebrar as Letras Galegas

 

    


    No recreo do 26 de maio o alumnado que pertence ao Club de Lectura reuniuse para comentar a obra de Xela Arias (a quen se lle dedican as Letras Galegas neste ano 2021). O encontro foi moi divertido para todos e todas porque merendamos mentres reflexionamos sobre a importancia da infancia, tan presente en Non te amola! De feito, foron moitos e moitas as que se animaron a contar recordos da infancia. 

 


 

xoves, 6 de maio de 2021

Traemos boas noticias para a sección de 1º ESO do Club de Lectura!

 

    A nosa primeira incursión á lectura en 1º ESO (sección do Club coordinado polas profesoras Rosario Pastoriza e Elena Veiga) foi achegarnos a un cómic que tivo moi boa acollida entre o alumnado: A proba de auga. Foi esta obra de Anémona de Río un pretexto para falar do coñecemento científico e, tamén, para reflexionar sobre como pode ser o proceso creativo cando temos que conxugar imaxe e texto. Viaxamos, así, de Anémona de Río a Castelao, coñecendo os nosos clásicos porque estes tamén se situaron nun lugar que unía imaxes e textos.

Xa dende a nosa primeira xuntanza (o 21 de decembro do 2020) sabiamos que A proba de auga era un texto que nos permitiría falar de temas ben diversos: a banda deseñada en galego, as peculiaridades do manga, a cultura xaponesa, o avance científico e a necesidade de que exista investigación na nosa terra ou a construción de historias que xogan coas cores para transmitirnos estados de ánimo diferentes, como sucede con esta obra de Anémona de Río. Investigamos, tamén, a autora, vimos novos proxectos seus nas redes sociais e pescudamos que escolas de banda deseñada e ilustración existen en Galicia, o que nos levou a coñecer O garaxe hermético.

A continuación podedes ver unhas fotos da merenda que fixemos ese 21 de decembro do 2020 na que, nun ambiente distendido, nos achegamos á banda deseñada en galego: 

 




 

Despois de termos lido a obra, o 5 de febreiro do 2021 fixemos unha segunda xuntanza onde a totalidade do alumnado participante mostrou o seu entusiasmo pola obra. Foi un auténtico éxito e mesmo algúns e algunhas se animaron a ler a primeira obra de Anémona de Río: Tam. Aquí podedes ver unhas imaxes da nosa reunión:



Por suposto, a nosa cita lectora non remata aquí! Seguro que todas e todos sabedes que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas a Xela Arias. Dende o noso Club imos aproveitar para coñecer un pouco máis esta autora e leremos os relatos de Non te amola!

O que polo de agora non sabiades era que poñeremos a nosa cámara a funcionar para gravarnos lendo eses textos nos que a infancia da autora está tan presente e enviarémolos a un centro de Día da para maiores que se puxo en contacto connosco: Agadea. Iniciamos así, dende o Club de Lectura e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, un proxecto que une dúas xeracións a través do fío condutor da infancia. Non vos parece unha iniciativa marabillosa? Que estea ben atento o alumnado de 1º ESO A e 1º ESO B!


xoves, 8 de novembro de 2018

CLUB DE LECTURA

                     
                                                                                           

PRESENTACIÓN E PRIMEIRA XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA

O ambiente na biblioteca non podía ser máis acolledor, houbo bica, libros e moito entusiasmo.  Así foi a primeira sesión do Club de Lectura o pasado día 29 de outubro.

Xornada de presentacións tanto para o noso alumnado como para as obras e actividades programadas.

Esperemos que os nosos lectores e lectoras gocen moito coa lectura e, sobre todo, co pracer de compartila no marco dun ambiente agradable e distendido.






Presentacións...
                                         .







                                   

                                      Vivencias literarias... 












     
Creatividade ...


A partir da portada da nosa primeira obra imaxinamos os posibles títulos.💬