xoves, 6 de maio de 2021

Traemos boas noticias para a sección de 1º ESO do Club de Lectura!

 

    A nosa primeira incursión á lectura en 1º ESO (sección do Club coordinado polas profesoras Rosario Pastoriza e Elena Veiga) foi achegarnos a un cómic que tivo moi boa acollida entre o alumnado: A proba de auga. Foi esta obra de Anémona de Río un pretexto para falar do coñecemento científico e, tamén, para reflexionar sobre como pode ser o proceso creativo cando temos que conxugar imaxe e texto. Viaxamos, así, de Anémona de Río a Castelao, coñecendo os nosos clásicos porque estes tamén se situaron nun lugar que unía imaxes e textos.

Xa dende a nosa primeira xuntanza (o 21 de decembro do 2020) sabiamos que A proba de auga era un texto que nos permitiría falar de temas ben diversos: a banda deseñada en galego, as peculiaridades do manga, a cultura xaponesa, o avance científico e a necesidade de que exista investigación na nosa terra ou a construción de historias que xogan coas cores para transmitirnos estados de ánimo diferentes, como sucede con esta obra de Anémona de Río. Investigamos, tamén, a autora, vimos novos proxectos seus nas redes sociais e pescudamos que escolas de banda deseñada e ilustración existen en Galicia, o que nos levou a coñecer O garaxe hermético.

A continuación podedes ver unhas fotos da merenda que fixemos ese 21 de decembro do 2020 na que, nun ambiente distendido, nos achegamos á banda deseñada en galego: 

 




 

Despois de termos lido a obra, o 5 de febreiro do 2021 fixemos unha segunda xuntanza onde a totalidade do alumnado participante mostrou o seu entusiasmo pola obra. Foi un auténtico éxito e mesmo algúns e algunhas se animaron a ler a primeira obra de Anémona de Río: Tam. Aquí podedes ver unhas imaxes da nosa reunión:



Por suposto, a nosa cita lectora non remata aquí! Seguro que todas e todos sabedes que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas a Xela Arias. Dende o noso Club imos aproveitar para coñecer un pouco máis esta autora e leremos os relatos de Non te amola!

O que polo de agora non sabiades era que poñeremos a nosa cámara a funcionar para gravarnos lendo eses textos nos que a infancia da autora está tan presente e enviarémolos a un centro de Día da para maiores que se puxo en contacto connosco: Agadea. Iniciamos así, dende o Club de Lectura e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, un proxecto que une dúas xeracións a través do fío condutor da infancia. Non vos parece unha iniciativa marabillosa? Que estea ben atento o alumnado de 1º ESO A e 1º ESO B!


Ningún comentario:

Publicar un comentario