De seguro que vos estabades preguntando que se estivo lendo no Club de Lectura en 2º ESO, coordinado polas profesoras Susana Iglesias e Cristina Romero. As lecturas foron do máis apaixonantes: comezamos coa lectura de Mandrágora, da autora Laura Gallego. Sabemos que esta autora (Laura Gallego) se caracteriza por ¨enganchar¨ ao lector e por transportalo a mundos que deixan voar a súa imaxinación e, por suposto, desta volta non decepcionou. En Mandrágora viaxamos entre príncipes e castelos e a nosa xuntanza despois de ter lido o libro (o 29 de xaneiro do 2021) estivo chea de misterio: que importancia ten a palabra ¨Mandrágora¨ na obra? Como levariamos ese mundo medieval aos nosos días? Foron estes asuntos que xa se deixaran ver na nosa primeira e tímida reunión do 18 de decembro do 2020, na que, inmersos nunha situación tan incerta como a que vivimos este ano, soñabamos con vivir outras realidades ás que chegamos a través dos libros.
Outro autor tamén moi coñecido foi o escollido para a segunda lectura en 2º ESO: Carlos Ruiz Zafón co seu Príncipe de la niebla, unha obra que non deixou ao alumnado de 2º ESO despegar a mirada do texto; un libro que non te solta e que se che mete no corpo para xa non soltarte... sabemos que moitos e moitas se fixeron con máis libros da saga e non é para menos!
A última obra escollida para 2º ESO foi Las lágrimas de Shiva, un clásico de César Mallorquí do que tampouco poderán despegar a mirada. Manterémosvos informados e informadas da nosa próxima xuntanza!
Ningún comentario:
Publicar un comentario